De PombalCity a Plataforma O Pombal

Xa pasaron catorce anos desde aquel día cando unha versión  moito máis nova de min mesmo comezaba esta andaina dixital coa idea de facer unha bitácora que mesturaba o persoal coa vida do barrio no que nacín. 

   Moito ten pasado durante case década e media, tanto a nivel político como familiar e tamén no tocante a movementos asociativos e veciñais. 

   Despois de algúns anos nos que estiven fóra, e incluso cunha pandemia de COVID de por medio, continuamos ó pé do cañón para intentar mellorar a vida e o futuro dos e das habitantes do Pombal, que co paso do tempo comezou a adquirir, máis se cabe, entidade propia. 

   Dende a fundación de PombalCity, a finais dos 2000, foise cohesionando un movemento veciñal entorno á demanda de medidas de seguridade, tanto da estrada EP-9206 como da propia Rúa Pombal e o empalme coas dúas rúas que levan a Portonovo, a Rúa do Río e a Rúa Río Valiejos. A seguridade viaria para peatóns e sobre todo, para o entorno do Colexio Abrente son as nosas prioridades actuais, aínda que tamén loitamos para esixir aparcadoiros seguros e o arranxo e sinalización e delimitación da Rúa Pombal. É sabido por todos os veciños de Sanxenxo que a sinalización dos rueiros, especialmente do chamado 'rural' non é nin nunca foi prioridade para ningunha corporación municipal dos últimos vinte anos. 

   Con ese espírito nace a Plataforma Veciñal O Pombal, constituída por cinco veciños do barrio para facer presión coas institucións pertinentes e poder traballar xuntos pola mellora da zona na que convivimos día a día. 

   Este blog, na súa enésima refundación, reflictirá as últimas novas e proxectos da man da Plataforma O Pombal, pero sen nunca pretender carácter oficial ou portavocía ningunha. Só é unha reflexión a título persoal dun membro da plataforma que comezou un blog para falar da vida do barrio, alá polo ano 2008. 


Nada máis. 


Seguirei informando. 


Comentarios

Entradas populares