Sobre o autor e o blog.
Limiar:
Chámome David Leiro Magdalena, fillo de Manolo e Amalia, neto de Manuel e Manuela e de Florencio e Peregrina. Son do Pombal desde que teño memoria e así me considero.

Proxecto de xornalista e persoa inqueda e ávida de coñecementos. Queda moito que aprender. Crítico e ácido desde que era un merdeiro. Noutro tempo fun sacristán.
Sempre con humor, non é nada persoal.
Seareiro do "antes mola".
Neurobeater e Mil Músicas en Radio CampUSCulturae.
O porqué desta bitácora:
Etapa pre-xornalismo (2008-2010) E xornalismo (2010-2015) (2015-...)
Este blog naceu alá polo ano 2008 sen máis pretensións que ser un espazo na web onde poder plasmar o día a día, os sucesos e acontecementos dun lugar pertencente á parroquia de Adina, concello pontevedrés de Sanxenxo, chamado O Pombal.
Este núcleo no que vivimos 4 familias matrices é orixe dos meus devanceiros dende hai alomenos 5 xeracións, e é por iso que tamén o sinto como parte do que eu son. Este é o motivo principal que me moveu a crear este blog, o ter a necesidade e responsabilidade de preservar as raíces familiares e transmitirllas ás seguintes xeracións.
É certo que hoxe, en pleno século XXI, a vida neste lugar a súa fisionomía e as súas costumes cambiaron arreo mais a esencia e a lembranza segue viva en nós tódolos días do ano e en calquer tarefa do campo e da casa.
Con esta ferramenta quero mostrar os nosos costumes, os nosos veciños e os cambios como o crecemento experimentado nos últimos 40 anos, pasando de ser unha aldea illada a pouco a pouco converterse nun arrabalde de Portonovo, case integrado no núcleo urbano.
Aquí estamos, sempre para defender os intereses do veciño e tamén para facer crítica da actualidade, ás veces cun toque irónico que só os galegos e galegas entenden.
Por certo, para quen non saiba da nosa existencia que nos busque no Google Maps, subindo desde Portonovo pola EP-9206, agora polas rúas Rúa do Río e Rúa Río Valiejos. Non hai perda. Vinde cando queirades.
PD: Non hai cartel de entrada ó estilo Hollywood pero sabede que nos flanquean os pozos de barrena, e a ferretería La Fuente. Tende en conta tamén que cando vaiades ós Bombeiros é sinal de que estades xa no Pombal.
Benvidos e desfrutade da vosa visita.

Comentarios