SEMPRE NA NOSA MEMORIA (IN MEMORIAM)

O Pombal quedou triste o día que a miña avoa marchou para sempre, o sábado cúmprense tres meses do óbito, tres meses xa sen ela, sen a súa presencia, nunca antes me atrevera a escribir sobre un feito tal, pero a persoa neste caso meréceo, aínda que é certo que son mellores as homenaxes en vida, as que ó mellor nunca lle fixen...
Lembrareino para o resto da miña vida, a derradeira vez que me falou, que estiven con ela aínda que fose de paso, un saúdo de paso. Foi xusto uns días antes do suceso, cando me dispoñía, como o viña facendo todolos días desde o 1 de xullo a ir a traballar. Ela estaba na porta pequena, barrendo a entrada,parouse coa escoba na man e preguntoume se ía traballar ó que eu lle respondín con resignación "que remedio !!" mentras ía cavilando sobre como me iría o día en tanto miña avoa segía barrendo. Os dous ignorábamos o que ía suceder días despois, se o soubera de certo que non ía traballar e quedaríame de palique con ela, pediríalle que me ensinara fotos e que me fixera sopas de leite para almorzar, como cando era neno. Esa foi a derradeira vez que nos cruzamos as verbas, pero non a derradeira que a vin, pois ela gustaba moito de saír a dar paseos aló pola tardiña. Baixaba pola pista do colexio ata a fonte de Barbeito e á volta e se se atopaba moi cansa sentaba na entrada do camiño que vai a casa de Mucha, onde meu pai puxera un paso das escaleiras da casa que quitou cando o ensanche da carretera e que servía de cómodo banco ou solaina nos seráns calorosos do verán. Alá sentaba e se había con quen aínda parolaba un anaco, logo volvía para a casa e de seguro que ó seguinte día ou ós dous seguintes repetía paseo.
Ó pasar as festas do Santiago eu xa respiraba algo aliviado pensando que logo acababa o mes e, tan só Agosto me separaría da liberdade antes de escomezar de novo outro curso na universidade. Os días transcorrían monótonos, pesados e cargosos, o escape do "choio" eran as noites nas que saías algo cedo e nas que te permitías un cafeciño na terraza da cafetería máis cercana. Eses intres querías que fosen eternos, por un momento esquecías os agobios do bar, desconectabas. A noite da véspera do 29 de xullo fora unha noite desas de terraza, café e paseo para desconectar. Era unha noite estrelada, un pouco fresca pero agradable, unha coma outra calquera do mes de xullo en Portonovo. Entre que se vai e que se vén darían sobre as dúas e media-tres da mañá, boa hora para recollerse na casa e aínda me quedaba camiñata ata o Pombal. Alá ía eu camiñando pola estrada sen nin sequera intuír o que ía suceder poucas horas despois de pasar eu por diante da casa da miña avoa. Ó chegar a casa metinme na cama, non vía o momento de estar nela, o meu irmán xa tiña un sono avanzado e eu estaba tan canso que non tardei nada en quedares igual de durmido. Durmía un sono plácido, un sono profundo, deses dos que non queres que te esperte nada nin ninguén ata que quedes farto de durmir.
Debían ser contra as 7 da mañá cando os meus pais irrumpiron no cuarto para dicirnos que marchaban correndo ó hospital, que abuela estaba mal, que lle acabara de dar un ataque. Debera de sonar o teléfono, pero eu non o escoitei, tampouco escoitei a conversa dese teléfono. De repente o meu soño plácido se converteu nun horrible pesadelo e calofríos comezaron a percorrer o meu corpo presentindo que nada bó ía pasar. Sen pensalo dúas veces comecei a rezar por ela mentras me ían caíndo as bágoas polos ollos. Xa non peguei ollo, sentía que debía velar por ela, que precisaba das miñas pregarias e que eu repetía como esconxuro, como querendo espertar dunha vez, coa respiración alterada e recuperandome do pesadelo como fixera máis veces. Pero non foi así, eu no meu máis profundo sabía que miña avoa marchaba, que dicía adeus á vida terrea, espero que as miñas pregarias a axudaran no camiño do alén.
Contra as 8 e media da mañá soou o teléfono, fíxose o silencio e a miña irmá contestou. Rompeu a chorar, a chorar de peito, lágrimas de sinceridade, as que son máis pesadas que o plomo e semellan partir o azulexo cando tocan o chan. Logo dixo "acaba de morrer abuela, dí papá que esteamos tranquilos" e continuou a chorar. Un forte sol entraba xa pola porta e as ventás e adiviñaba un día de bochorno. Era a mañá do 29 de xullo. Eu fiquei inmóbil no corredor, inexpresivo, como se me chucharan todo o sangue nese momento. Un fío fino de lágrima fluía e humedecía as miñas meniñas. Non dixen palabra.
Pronto a noticia se espallou como a pólvora. No momento en que a nosa irmá Mónica nos chamou sentimos que alguén viña, era a nosa outra irmá Patricia que entrou sen facer ruído. Por un momento os catro irmáns alí presentes compartimos o dolor, sacamos para fora o sentimento de rabia e resignación. Patricia acabara de casar nove meses antes. Logo sonou o timbre da porta, e ó saír a ver quen era xa adiviñei pola voz que se trataba dunha veciña amiga da familia. Tras escoitar as súas palabras de consolo non aturei máis e rompin a chorar apoiado contra o lintel da porta da cociña. Chorei amargamente, como chorou Xudas cando soubo do seu pecado.
Semella que nos tempos en que vivimos un debería estar preparado para todo, pero non é así, a morte non ten cabida na vida moderna e máis si é no caso dunha morte roubada, dun atraco e dun golpe baixo como foi. Eses pensamentos rondaban na miña cachola, non pode ser así de súpeto, sen comelo nin bebelo, sen poderme despedir, sen poder decirlle tantas e tantas cousas, sen poder dar o último paseo con ela nesas tardes de sol, sen tantas e tantas cousas que me viñan á mente. Acordeime de que a miña nai me dixera días atrás que ó mellor o domingo seguinte ían a decirlle a miña avoa se quería ir pasear con eles a unha ruta que ela nunca fora e a que agora non me lembro, que de seguro lle ía gustar, eu contestáralle que me parecía boa idea e que era unha pena que eu non puidera ir. Ese paseo nunca se fixo. Tamén me lembraba do que acontecera xusto un mes antes, cando morreu un tío da miña nai. Ese día, nas vésperas de San Xoán, cando a miña avoa soubo da noticia veu onda nós e meu pai preguntoulle se quería vir ó enterro, que nós habíamos ir. Ela dixo que sí,que si se atopaba ben que ía. Chegada a hora de marchar fómonos, primeiro pasamos polo tanatorio e logo de camiño á igrexa. Cando rematou o funeral eu baixei da tribuna na que me atopaba e xusto me atopei que saía miña avoa. Ela colleume de "ganchete" polo brazo e comezamos a subir cara o cemiterio. Era unha boa costa que ela subeu sen problema ningún enganchada do brazo do seu neto. Recordo que me decía que o difuntiño morrera feliz, repentino e sen dar traballo ningún, e dicía "que morte máis felis levou, vaia morte felis" eu asentía como se asinte cando non se sabe o que facer no momento, por acompañala. Foi un momento estraño e como premonitorio. Miña avoa e mais eu collidos do brazo mirando como metían a caixa naquel nicho. Ningún dos dous soltaba unha lágrima, a nosa expresión casa hierática e a nosa vista fixa no nicho érao todo. Cando o sepelio acabou, volvémonos cara a igrexa, e polo camiño atopamos ós meus pais. De camiño a casa paramos a visitar ós meus avós maternos, logo dun intre regresamos.
E eu segía no corredor, no salón, inmóbil e sen saber o qué facer, sentíame un idiota. Sen máis dirixinme á casa da avoa, que está ó outro lado da estrada. Creo que non timbrei sequera, ou se o fixen non esperei a que abriran. Pasei e atopei á miña curmá no salón, algo aturdida e entón pregunteille cómo fora todo. Ela contoumo e eu non o cría, non daba creto, non podía ser que a miña avoa fora polo seu pé cara a ambulancia, case sen axuda. Era admirable a fortaleza que mostrou. Era unha muller forte e testana, mesmo neses intres.
Cando a miña curmá me contou que miña avoa insistía en que fora avisado canto antes meu pai, e miña tía calmábaa decindolle que non había ser nada veume á cabeza a idea de que miña avoa sabía que non ía volver á casa e que quería ver por última vez ó seu único fillo e tamén o home da súa vida. Estremecin nese intre. Hai cousas que ninguén saberá e entenderá endexamáis. Intres nos que pensas na pena desa nai que marcha sabendo que non verá mais a un fillo. O temor confirmouse cando oín decir ó meu pai, xa no tanatorio, que non chegara a tempo de vela con vida, que acabara de morrer intres antes. Escoitar eso parteume a alma en dous, como cando se fenden as hachas de leña. Miña avoa morrería do que morrería mais eu ben sabía que morrera da pena de non estar co seu fillo o que tanto persuadía a miña tía que avisara. Sabia é a natureza, sabio é o mundo. Unha alerta se activa neses intres, un sexto sentido. A miña avoa sabíao, a poucas horas de pasar eu por diante da súa casa alí a estaba ela, estaba preparando a equipaxe porque marchaba e tiña razón. A miña avoa marchaba. Por diante só o alén....
David Leiro Magdalena. Neto.

Comentarios