O tempora, O mores !


Unha vez máis volve decembro ós almanaques, para os pendurados e para os que estan pousados nunha mesa de oficina calquera. Decembro é ese mes pantasma engaiolado entre novembro e xaneiro que comeza cunha ponte (de agora en diante quen sabe) e que discorre paseniño ata chegar ó seu remate o día 31 e xunto con el tamén se vai o ano vello, como se fai chamar o día 1 de xaneiro. É pois un mes de balances, de filosofías vitais e existenciais, de gastos, e tamén é por excelencia o mes no que se conmemora o nacemento de Cristo. Sen ir máis lonxe, no idioma galego a este mes tamén se lle coñece como mes de Nadal, do mesmo xeito que novembro é denominado mes de santos.
Cando un chega a decembro fíxase na velocidade coa que pasou o ano que remata e bota a vista atrás lembrando aquel verán que tan lonxe queda xa e pensando que outro tanto queda para o seguinte. Nese momento nótase que a vida vaise nun suspiro, por iso creo eu que é aí cando se escriben as postais de Nadal, tan cheas de amor e de ledicia para todos e todas.
A complexidade deste mes é merecente dun bo comentario pois xúntanse varios elementos que nos fan caer na suxestión global. Por unha banda son datas para lembrar ós seres queridos, para pasar en familia compartindo mesa e mantel e as mellores viandas. Por outra banda é o mes no que a xente anda máis tola pola rúa, pola estrada, facendo compras dunha maneira desenfreada, gastando o que non teñen. Cal é a razón aparente? No Nadal os comercios decoran os seus escaparates ofrecendo o mellor para os seus clientes, as persoas énchense dun espírito especial, todo é bondade e anxos nas rúas e a pesar de que se gaste máis ca noutros meses está xustificado. Cal é a razón profunda? Pois que chega o Nadal, estamos en decembro e toca gastar, porque remata o ano e hai que rachar coa pana.
Xa no tocante ás festas propias da Natividade e deixando a un lado a ponte festiva poderíase facer unha división en compartimentos destas datas. A primeira abranguería dende o día 22 de decembro ate o 25. O sorteo da lotería e o inicio da estación invernal marcarían o inicio oficial das celebracións e nos fogares xa se percibe un ambiente distinto ó do resto do ano. O día de noiteboa marca o primeiro dos actos familiares seguido do día seguinte, día de Nadal. Son festividades estas para estar no calor do fogar e aproveitar para facer algunha actividade todos xuntos, aínda que na maioría dos casos o que se fai é compartir horas na mesa, sobre todo no café da sobremesa, que se estende durante toda a tarde.
Os días seguintes ó día 25 van pasando amodo enfilados xa cara o día de Noitevella e marcan a segunda etapa. Entre todos eles cabe destacar o 26 no que na maior parte de Galicia se celebra o Santo Estevo, o 27 que é San Xoán Evanxelista e como non o 28, o día dos Santos Inocentes. Outro día destacable é o 30, día da Traslación do Apóstolo.
O derradeiro día do ano, o 31, resume o carácter de todo o mes. É un día de paso de ano, de compras apuradas e de presas. É un día espellismo e para moitos é o máis longo do ano. A cea esa noite ten outro matiz que non ten a cea de Noiteboa, un certo nerviosismo e unhas ganas tremendas de comezar o novo ano da mellor maneira posible, desexando ben e prosperidade para ti e os teus. É unha noite chea de supersticións e costumes vitivinícolas e decimonónicas, pero é en resumo a noite de festexar que o ano remata e que comeza un novo. Esa é a clave que un andaba buscando dende comezos do mes. O mellor balance que se pode facer é que para dentro doutros 12 meses festexemos de novo outro ano, ou outro decembro. Tanto ten.
O último terzo das festas vai ata o día de Reis, e persoalmente é o período que pasa máis axiña pois ó pasar en estado de hibernación os primeiros dous días do ano (no caso en que se saíse en Noitevella) fai que case non existan máis que no calendario os dous primeiros días do ano. Por ese motivo os días seguintes volve a tolemia das compras para Reis. Todo o mundo fai o mesmo, sae ás rúas como tolos na busca do agasallo perfecto, ou sinxelamente vai na procura de calquera parvada para regalar á sogra, á nai, á avoa, ós cuñados, sobriños e unha recua infinita de parentela por iso de non quedar mal e ter un pequeno detalle. As rúas recuperan a súa cor e a súa música logo da desfeita da noite de fin de ano e os máis preguiceiros comezan a “espertar a mona” e a preparar as voces para entoar os cantares de Reis e ir pedir o aguinaldo. Non hai ningunha dúbida que esta recta final de Nadal os maiores protagonistas son os nenos, que agardan con ilusión a que cheguen os magos de Oriente no medio dunha choiva de doces e caramelos e panxoliñas que trepanan os tímpanos. A psicose aínda non remata aí. Os comercios apuran a vender ó primeiro pai desesperado aquel xoguete que non atopa por ningures e polo que está disposto a pagar gustos e vontades. As panadarías afánanse por amasar roscóns infinitos e as fábricas de figuriñas e de fabas tampouco dan abasto. Todo fogar galego ten que dispor dun roscón para Reis, recheo de tona ou de crema pasteleira, ou aínda que sexa só, mais iso si, ten que ter figura, faba e coroa e anacos de froita doce por enriba. Logo dos apuros das compras de Reis e a ilusión infantil do día 6 pola mañá, e nalgúns casos mesmo adulta, chega a quenda de facer colas interminables nas panadarías na busca do roscón perfecto que adornará a sobremesa familiar da última comida das festas. Un vai mercar o doce famoso coa confianza de que lle toque o feixón ó seu cuñado máis odioso e que pague el coa prenda. Non hai maior maneira de comezar o ano facendo pagar a sobremesa ó parente de marras, no caso de que se respecte a tradición (é o que pon na tarxetiña que trae a rosca).
Con esta festa ponse o peche a 15 días de descontrol absoluto, nas comidas, nas compras, nos horarios, nas billeteiras, contas correntes... agardando que para as próximas haxa sorte e prospere a idea da túa dona de pasar o Nadal de cruceiro polo Mediterráneo. E cando semellaba que as datas de gasto remataban para máis inri o día 7 de xaneiro comezan as rebaixas de inverno. Oh rebaixa, palabra máxica e panacea de toda fémina ávida de atopar a mellor ganga por un prezo que non se sabe de certo cal é pero que provoca que a tarxeta de crédito brinque de ledicia cada vez que a porcentaxe de desconto sobe do 50%. Pero as rebaixas xa son outro cantar, son outro fenómeno social incomprensible e tolo, mesmo superable ó do Nadal. É aquí a suxestión da que falaba liñas arriba, así e todo os humanos somos animais de costumes.

Comentarios

Entradas populares