A casa de Don Fernando e os da "Casa Nova". Dous séculos de historia.
A
CASA DE DON FERNANDO
na
historia DE PORTONOVO
Maqueta da casa dos López (posterior casa do médico) .
Realizada por Manuel Bea Silva.
|
Despois
de moito tempo a chamada "Casa de Don Fernando" volve ó
candeeiro na actualidade local.
O inmoble fora adquirido polo
Concello de Sanxenxo aló polo ano 2006 e cumpría o desexo de
tódolos veciños da vila que levaban anos solicitando e reclamando a
edificación como ben do pobo. O certo é que non se trataba dunha
casa mariñeira coma outra calquera, das que poucas quedan, da vila
pois tanto a vivenda como o asento que a rodea ten un simbolismo
especial para os
veciños e unha historia oculta que vai máis aló
dunha simple vivenda dun médico moi querido.
Para
contextualizar e comezar esta reportaxe de investigación debemos
remontarnos a mediados do século XIX, concretamente ó ano 1840
cando os señores José Pérez Oreyro e a súa dona Antonia Lemos
adquiren en propiedade unha casa no lugar do Areeiro, na vila de
Portonovo (Concello de Sanxenxo) e xunto con ela múltiples
propiedades cos seus correspondentes dereitos de arrendamento. No ano
1870 pasa por herdanza a Mª del Rosario Pérez Lemos, descendente de
José Pérez e que contrae matrimonio con Leopoldo López, froito
deste matrimonio nacerían seis fillos; tres varóns e tres mulleres,
Leopoldo, Justo José, Juan; de quen se sabe que exerceu de xuíz,
Emilia, Rosario e Carme. Cinco deles permanecerían solteiros polo
que non tiveron descendencia (mais era coñecido dos veciños a
existencia de fillos ilexítimos, nunca recoñecidos, sobre todo
entre os varóns).
Soamente Emilia casaría cun notario (do que
apenas hai información) desgraciadamente o matrimonio tampouco tivo
descendencia.
Esta
familia gozou sempre de privilexios na vila, ó ser os irmáns os
donos dos dereitos sobre as terras, e é por ese motivo polo que non
contaba coa estima dos veciños. Segundo fontes orais (dos propios
veciños, algúns deles de máis de 90 anos de idade) a inmensidade
de terras que posuían eran alugadas ós labradores da parroquia en
réxime de arrendamento, polo cal os señores quedaban co 50% do
usufruto do que producían as terras, as chamadas “medias”. Desta
maneira enchíanse piornos e alpendres cos froitos das colleitas e
permitía ós Señores vivir das rendas producidas durante o ano.
Este réxime de feudalismo residual era moi habitual na Galicia de
comezos do século XX onde a maioría da poboación subsistía da
agricultura ou do que producía o mar. As industrias catalás de
salgado e manufactura de peixe que comezaban a chegar (en Portonovo
aínda perviven apelidos cataláns como Norat ou Dezagoire en na vila
de Bueu son famosos os Massó).
Foi a incipiente industria e a
profesionalización do mar o que liberou á maioría dos portonoveses
do xugo dos Señores da Casa Nova, como eran chamados os irmáns
López Pérez.
O
menosprezo e a explotación cós que a clase señorial trataba
naqueles tempos á xente humilde chegaba a límites nos que os
mesmos Señores facían de prestamistas, deixando en prenda os
cartos que recadaban co usufruto e cobrando intereses pola operación.
Contan testemuñas aínda vivas que o principal destino dos cartos
emprestados era o pago das pasaxes e os trámites burocráticos dos
que emigraban para América.
Maqueta de Portonovo nos anos 50 realizada po Manuel Bea Silva.
Hoxe as terras baldías son ocupadas por edificios.
Moitos desos terreos representados aí pertencían ós da Casa Nova.
|
O
mesmo irmán dunha delas puido emigrar gracias ós cartos emprestados
e que cada mes ía pagando cunha pequena cota de interés. Hai que
entender que naquel tempo non tódola xente podía permitirse os
gastos que supoñía marchar emigrado. Quen máis quen menos vendía
unha pequena leira que tivese ou deixaba hipotecada a súa casa, e no
caso de Portonovo moitas propiedades de xente emigrada pasaron ser
propiedade da Casa Nova.
Por medio doutras fontes puiden coñecer que
foron moitos os que pediron cartos ós Señores da Casa Nova e tamén
os que deixaron propiedades ós donos da facenda.
Co paso dos anos o
pequeno señorío foise facendo con case toda a vila tendo por
servidume a todo o pobo, como así mo contou unha veciña: “todo o
pueblo traballaba para eles, porque che chamaban: - fulaniiña
mira ven acá mira vaime buscar un
balde de auga e tiñas que ir porque
ó mellor un día ías buscar un pouco millo, que non tiñas ,para
moerlle ós nenos, e ó mellor non cho daban.” A facenda foi
medrando pois: “todos os que tiñan carretas, carros ou carróns
todo era para eles, traíanlle o millo (...) tí traballabas as
fincas e a eles víñalle a metade.” Logo un criado ocupábase de
vixiar todo canto entraba na despensa e de recoller algunhas
colleitas ós veciños para a correcta almacenaxe.
Decidín
investigar máis sobre a familia.
Un contacto levaríame ata Cambados
onde viven os únicos parentes que tiñan relación cós irmáns
López.
A testemuña que ten unha relación de curmá de 3º grado
recorda as visitas á casa de Portonovo e ir visitar ós curmáns da
súa nai. Segundo relata a parente os curmáns eran unha xente
retraída que case non saía da casa, eran moi desconfiados e algo
huraños.
A
rama familiar de Cambados procede de dous apelidos significativos da
comarca. Por unha banda os Ambrós que viñan da parroquia de Santa
Cristina de Covas, no municipio limítrofe de Meaño e posuían un
pazo do século XVI.
Cun membro dos Ambrós casou unha irmá de José
Pérez Oreyro.
Por
outra banda existía tamén parentela (aínda que non directa) coa
ilustre familia dos Zárate, liñaxe que comeza con Don Diego de
Zárate e Murga, cabaleiro alavés nomeado 1º Marqués de Montesacro
polo rei Felipe V no ano 1707 e que construíu un pazo en Santo Tomé
do Mar (Cambados) en 1709, o Pazo de Montesacro. Un desdendente do
mesmo marqués casaría anos máis tarde con Dolores Ambrós Pérez,
curmá de Mª del Rosario Pérez; nai dos seis irmáns da casa de
Portonovo. Na actualidade os Zárate posúen unha adega das máis
antigas do Salnés onde producen o afamado albariño.
![]() |
| Cartografía de finais do SXIX que mostra a vila de Portonovo e o seu fondeadoiro. |
A
fame e as necesidades existentes naqueles anos xunto co receo que
suscitaban fixo que nunca se gañaran o cariño e o recoñecemento
dos veciños e ese pode ser un motivo polo que esta historia quedara
renegada ó esquecemento. Por ese motivo resulta curioso que a xente
recorde aquela casa como a casa do médico, ou a casa de Don Fernando
(e con ese nome consta no Concello) como último propietario da
mesma.
A
historia da casa e de como chegou a ser propiedade do médico da vila
non deixa de ser curiosa e sorprendente.
O
doutor Don Fernando Lalinde del Río chega á vila sobre os anos 40,
na época de posguerra. Neses anos non existía a seguridade social
como agora a coñecemos senón que os veciños que podían pagaban
unha cota anual ó doutor a modo de seguro privado, máis ou menos
150 pesetas pola atención prestada.
Festa dos xubilados ó carón do edificio que albergou a primeira casa do doutor Lalínde.
Hoxe conviven nese espazo o clube de xubilados, o ISM e a oficina municipal de servicios sociais. |
O
problema que existía era que o medico novo non tiña vivenda onde
pasar consulta e estivo durante algún tempo nun pequeno despacho
onde hoxe se atopa unha coñecida marisquería con nome de
trasatlántico. Anos despois o concello promoveu a construcción
dunha vivenda máis propia para o doutor da vila, dita casa é hoxe
onde se atopa o Clube dos Xubilados e o ISM e recentemente os
Servicios Sociais do Concello de Sanxenxo. Como médico da vila tamén
atendía a Dona Rosario López, ó último membro da familia da Casa
Nova que seguía con vida e quen segundo contan ambos tiñan moi boa
relación pero especialmente era a muller de Don Fernando, Dona
Margarita Valenzuela quen a coidaba cando a vella máis o necesitaba.
Margarita tiña un irmán médico especialista nos males da gorxa, un
otorrino, que viña especialmente dende Pontevedra para atender á
anciá que case non se podía valer por ela mesma.
A
muller e o cuñado do galeo merecen unha especial mención pois
Margarita Valenzuela era irmá do galeguista e escritor Ramón de
Valenzuela Otero exiliado durante o franquismo.
Ó seu regreso
estableceuse en Adina (Sanxenxo) xunto coa súa muller Maria Victoria
Villaverde e preto da súa irmá Margarita e alí morrería no ano
1980.
![]() |
Un instante da homenaxe recibida pola súa xubilación, en xuño de 1976
Don Fernando é o segundo home pola esquerda.
|
Volvendo
á historia do casarío dos López cando faleceu a última
propietaria, Dona Rosario López Pérez contan que deixou en herdanza
a casa, o asento e algunhas terras circundantes ó médico Don
Fernando e á súa familia tras morrer Rosario sen
descendencia.Moitos dos terreos que posuía a familia por toda a parroquia foron poxados por facenda en subasta pública. A familia
de Cambados nunca reclamou para si ningunha propiedade pero non
estaba de acordo coa decisión de deixarlle as propiedades ó doutor.
![]() |
| Ramón de Valenzuela, cuñado de Don Fernando Lalinde . |
| Ramón de Valenzuela nun acto xunto coa súa dona María Victoria Villaverde. |
Foi
nese instante cando se produce o traslado dende a casa edificada polo
concello ata a outra vivenda sobre comezos dos 60. Dende aquela xa
lle quedaría para sempre o nome de “casa de Don Fernando” a
denominación que chega ata hoxe, moitos anos despois de que o doutor
deixara de exercer aló polo 1976. Tanto foi o aprecio e a estima que
lle colleron os portonoveses que tamén lle adicaron unha rúa na
vila renegando desta maneira do pasado da casa e a súa relación coa
familia López da Casa Nova.
Don
Fernando Lalínde del Río morrería o 31 de outubro de 1989 ós 84
anos de idade en Madrid publicándose a súa esquela no obituario do
diario ABC de data 1 de novembro do devandito ano.
Pasaron
os anos e nesa vivenda abandonada instalouse durante algúns veráns
un bar-churrasco que non tivo moito éxito. A vivenda seguiu
pertencendo á familia Lalinde Valenzuela ata que no ano 2006 a
adquiriu o concello nunha partida de 1'2 millóns de euros destinados
a tal fin. Coa compra do inmoble deseguido se barallaron unha serie
de proxectos a realizar nos que sobresaíu o de converter a ruinosa
vivenda nun museo das xentes do mar como levaba solicitando o
colectivo veciñal e outras asociacións dende había anos. Nesas
datas o proxecto actual aínda estaba cociñándose pero foi freado
en rotundo por falta de fondos para amañala xa que os cartos da
partida foron integramente destinados á compra da vivenda e do
terreo aledo quedando sen fondos para o arranxo da mesma.
Co
estalido da crise no 2008 a situación económica agravouse e
proxectos coma o da casa de Don Fernando aprazábanse ata atopar
financiamento por parte doutros organismos alleos ó municipal, quen
se declarou imposible de asumir semellante desembolso.
Necesitaría
un convenio coa deputación, ou coa Xunta de Galicia.
Tres
anos despois, no outono do ano 2011, trala nova vitoria do PP nas
locais, conseguiuse o
financiamento necesario para levar adiante, ó
menos a primeira fase do proxecto.
Estaría
promovido polo Concello de Sanxenxo e por Turismo de Sanxenxo
(empresa mixta) e sufragada en parte gracias a Acción Costeira, á
Deputación de Pontevedra (dunha maneira indirecta) á Consellería
do Mar, o Ministerio de Medio Ambiente Rural e Mariño e ós Fondos
de pesca da UE.
A VIVENDA, O INMOBLE.
A
casa é de planta rectangular con dúas alturas e con dúas naves
pegadas e unidas polo interior de diferente altura. Destaca o patín
lateral por onde se accede á planta superior ó que segue unha
pequena terraza a modo de azotea.
Tamén destaca o seu
tellado a modo de ático na fachada sur. A maioría da obra está
feita en mampostería aínda que hai parte construída en cachotes.
No
mes de xaneiro de 2012 déronse por rematadas as obras de
rehabilitación da vivenda e o día 15 foi inaugurada. Ó acto
asistiron numerosas personalidades como a conselleira do Mar, Rosa
Quintana, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán
o
delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, a directora xeral de
comercio, Nava Castro, e o presidente do Grupo de Acción Costeira de
Pontevedra e patrón maior de Portonovo, José Antonio Gómez. As
autoridades destacaron o amplo abano de posibilidades que ofrecen as
instalacións e louvaron o resultado das obras.
![]() |
As autoridades observan o resultado da restauración.
Na imaxe o día da inauguración.
|
Foi
grazas ó apoio destas institucións polo cal o proxecto pode comezar
a camiñar. Diversos colectivos e asociacións locais van colaborar
para que este futuro museo do oficio do mar se encha de coñecementos
que de seguro que corrían o risco de desaparecer. Oficios como os de
redeira, tan artesán e aínda necesario hoxe, terá cabida aquí,
así como exposicións fixas e itinerantes, charlas, coloquios, aulas
formativas, en definitiva, todo aquilo que mire cara ó mar e as súas
actividades directas e indirectas. O meu desexo sería que o
proxecto inclúa a preservación e a conservación das nosas
tradicións, tendo en conta o carácter etnográfico da vila e a súa
radical transformación nos anos 70 coa chegada do boom turistico.
Esta
casa será o museo do pobo portonovés, e por extensión o museo de
toda a parroquia de Adina. No medio destes grosos muros se recolle a
historia e as vivencias dun pobo, lembranzas que son difíciles de
esquecer e que narran épocas de penurias, contos de señores e
vasalos, fame e miserias pero sobre todo historias de xente humilde e
traballadora que loitou por sacar familias enteiras adiante. Moitas
crónicas das xentes aínda quedan por escribir pois cada veciño de
Portonovo tivo unha relación con esa casa e os que alí a habitaron
durante tres xeracións.
| Vista do tellado sur dende a azotea. Destaca o ático e o tellado superior do edificio. |
Porque ó fin e ó cabo que sería de nos sen a curiosidade xornalística?
Ese afán por descubrir aquelas historias ocultas ou que pasan desapercibidas é o xornalismo activo, o máis gratificante de todos.
|
Patio cuberto e acceso ó pasadizo que da ó patín da casa visto desde o xardín.
Na parte superior obsérbase a amplia azotea.
|
AGRADECEMENTOS:
A Porfirio Lázaro Martinez de quen teño a sorte e fortuna de ser sobriño-neto.
A Orfilia Zarazo, veciña e memoria viva do Pombal.
A Mucha, compañeira de coro e muller extraordinaria.
Ós pais de Xaquín e en especial a Ana pola súa amabilidade en todo momento.
A tódolos veciños, que axudaron a arroxar luz á historia.
Á traballadora do Concello, que me axudou e permitiu sacar as fotos da reportaxe.
David Leiro Magdalena.
----------------------------------------------------------------------------------------------------------
FONTES OFICIAIS CONSULTADAS :
OUTRAS
FONTES:
-
Oral e investigación propia.





Comentarios
Te dejo para que le eches un vistazo, te invito a que vengas a hacer el tour con nosotros.
https://sanxenxotours.com/portonovo-free-tour/