Chegou o 2015
Hai un ano, día arriba día abaixo, escribía unha entrada sobre aquela tremenda granizada que caira a comezos de 2014. Si facedes un pouco de memoria podédesvos acordar do final de 2013 e comezo de 2014 que tivemos, climatolóxicamente falando. Se non o lembrades pódovos facer algo de memoria.
![]() |
| Imaxe do meteosat do 1 de xaneiro de 2014 |
Esta é a imaxe do satélite Meteosat do primeiro de xaneiro do 2014, que podedes atopar no arquivo de Meteogalicia . Nela aprécianse, como en tódolos mapas de isóbaras, altas e baixas presións, ou o que é o mesmo, anticiclóns e borrascas. No caso de Galicia apréciase cómo aparecía cuberta de nubes, pois un sistema frontal estaba atravesando a nosa comunidade, e detrás desa borrasca que nos afectaba, que tiña o seu centro de presión sobre as illas británicas, podía apreciarse desde o océano atlántico que outra baixa se ía aproximando. Máis ó sur, sobre o norte de África vese o anticiclón, pero que nada puido facer contra as borrascas atlánticas que circulaban ó norte. E na Siberia tamén se albiscaba outro centro de altas presións.
Hai 12 meses estabamos en pleno tren de borrascas, as cicloxéneses que viñeron tan seguidas. A verdade é que despóis de tanto tempo como levamos sen ver un temporal este final de outono e comezo de inverno xa se nos fai moi lonxe o vivido o ano pasado. E que apenas temos memoria climática.
![]() |
| Imaxe do meteosat do 1 de xaneiro de 2015 |
Aquí tendes a imaxe do mesmo satélite doce meses despóis da de arriba. Así comezaba este ano novo 2015. Sobre a península ibérica non hai apenas nubosidade, salvando algunha que outra néboa nos vales e no interior. As altas presións acompañáronnos antes e durante todas as vacacións, polo que moitos lle chamaron o anticiclón de nadal. Cun centro de 1036 mb este anticiclón de bloqueo impediu como un auténtico escudo anti mal tempo, a entrada de borrascas, desviando as súas traxectorias cara o norte de Europa. Non choveu, pero iso si, a situación do A xunto coa B que se observa en Grecia e Balcáns xerou un corredor de ventos do nordés, especialmente no leste peninsular, o que fixo baixar as temperaturas. En Galicia o que fixo foi xerar días solleiros pero con néboas mestas, xa que a posición do anticiclón xerou durante varias xornadas ventos do sur e xeadas no interior.
No mar a cousa non é tan doada, xa que como moitos mariñeiros e vellos homes de mar saben, o bo tempo en terra non ten por qué garantir unha boa mar. Sí, estou a referirme ó mar de fondo. Como dixen antes as borrascas marchar non marcharon, que estamos no inverno, pero o que fixeron foi circular por latitudes máis altas. Pero o mar non entende de fronteiras nin de isóbaras e viaxa cara nós levantando as ondas dende o fondo e removendo o mar. Ou sexa, día solleiro e calma chicha pero mar alterada, cómo se come iso? Moi fácil, o océano estanos a falar, estanos a dicir que do lugar de ónde vén hai un temporal que nin os cans, e por iso quixo fuxir de aló e bater contra as nosa costa.
Agora ben. Por qué o ano pasado non paraba de chover e este ano está tan calmo e frío? Pois mellor ca min seguro que o explican os amigos de 4gotas que é de onde eu aprendin moito do que estou escribindo, aínda que tamén lle debo parte á 2º de bach e a primeira lección de Xeografía, e tamén ó meu amor e curiosidade pola metereoloxía e os fenómenos climáticos.
Os expertos falan de que este ano hai un debilitamento do jet stream. Qué é iso? Pois para que o entendades, é como unha corrente mariña pero na atmosfera. É unha circulación de vento moi forte procedente dos polos que vai de oeste a leste e que rodea o hemisferio norte, como unha autopista das nubes.
Entón este ano como vai ralentizado pois como que se encartou un pouco, facendo oscilacións, isto é picos e vales, permitindo así que na península ibérica o anticiclón poida permanecer estable moito tempo e que as borrascas teñan que escalar o jet stream cara as illas británicas e Islandia. O ano pasado a corrente en chorro circulaba moito máis rápida e cunha marcada dirección oeste-leste, en liña recta, polo que serviu de "vía" para transportar ese tren de borrascas que nos afectou. Aquela ocasión o anticiclón, ante a velocidade do jet stream nada puido facer e retirouse cara o sur.
Por certo, o jet stream oscila de latitude do verán ó inverno. Na estación fría descende máis ó sur, permitindo a entrada de masas de aire máis frías procedentes do océano ártico e do atlántico norte, frías e húmidas. No verán a corrente polar ascende permitindo que o aire africano ascenda e chegue á península. Así que o noso amigo Jet Stream inflúe moito máis do que pensades nas nosas vidas e nos nosos plans cotidianos. Pero tranquilos, que este ano vai chover, non vos confiedes.
Perdoade si este post se vos fixo un pouco tostón de máis. Por certo, informáronme de que O Pombal sufreu recentemente ataques de denosiñas e de martas. Estes mamíferos no inverno buscan comida nos poleiros onde hai alimento. Máis adiante farei un especial sobre estos animais que conviven con nós e que deben ter tamén o seu espacio e o seu dereito a estar. Raposos, denosiñas, martas e lontras son animais que se alimentan en ocasións gracias ós descoidos dos humanos, ou mesmo por pura supervivencia. Son parte da nosa fauna e só por iso debemos mostrar respeto, e tomar medidas nos galiñeiros tamén.
Que teñades un bo ano 2015. Saúdos.




Comentarios