Adeus Venecia, adeus

Debo confesar que me emocionei cando vin o que mostro nestas imaxes. Aqueles que seguides esta bitácora dixital ou que residides ou frecuentades a zona do Pombal a miúdo poderedes distinguir esta tubaxe soamente con estas tres fotografías. Efectivamente. É o cano que levaba cegado polo barro e por outros motivos que expusen na outra entrada do mes de novembro. Hai unhas semanas operarios municipais procederon á limpeza do fango cun camión de auga a presión. Semella que a forza hidráulica liberou por fin a tubería de metros de lodo que levaban anos alí dentro. Logo remataron poñendo unha rella metálica para evitar que pasen materiais sólidos de gran tamaño que poidan volver a atorar o paso da auga.

Ó final da rúa, cara a agora denominada "do Río"  os operarios tamén procederon a abrir novas rellas e arquetas para aliviar a estrada da auga que discorre en pendente pola estrada. Estas actuacións tan necesarias axudarán a evitar esceas vividas no pasado tanto no Pombal como rúa abaixo.
Como ía dicindo, emocioneime de verdade cando vin o tubo limpo como unha patena. Freguei os ollos por si era unha ilusión ou unha ensoñación froito da falta de sono ou de glicosa pero non, era real, a auga entraba sen obstáculos por un extremo e saía polo outro. 
Sigo preguntándome por qué tardaron tanto en amañar isto, pero como a resposta que me dou a min mesmo é moi penosa e triste e deixa a algúns en mal lugar prefiro reservala para min só. É ou non é lexítimo pedir que poidas entrar decentemente na túa vivenda? Si algún lector pensa que fixeron caso das reclamacións non creo necesario agradecerllo a ninguén, só que me da que pensar que se achega a campaña electoral e que hai que queimar os últimos cartuchos, aínda que sexa en actuacións coma esta, que levou anos, ANOS, empantanada e á vista de todos.


Por certo, o circo político en Sanxenxo, mais ben as primeiras funcións deste 2015, acaba de comezar e a primeira fera xa está solta. Agora é turno do domador o de ir controlando a situación. Nós, coma sempre, estaremos atentos dos funambulistas, trapecistas, forzudos, paiasos e ilusionistas vendedores de fume. O meu voto irá para o faquir, pero a verdade é que eu nunca fun moi afeccionado ós espectaculos circenses. 



Comentarios

Entradas populares