A política (local) e os seus misterios.

Xa estamos nas portas do mes de agosto, o mes do veraneo por excelencia. Qué culebrón nos agarda?
Dende febreiro, en Sanxenxo a política local deu para moito durante estos meses. Despois do tremor que sacudeu SXX Pode, Roberto Carlos, o último compoñente do xa extinto "cuatripartito", decideu dar portazo á súa formación política e tamén á súa responsabilidade como socio de goberno e como concelleiro de Xuventude e Festexos. Pese a todo, non renunciou á súa acta de concelleiro, polo que traballa na oposición como non adscrito.

Dende o pasado mes de abril, e tras o "RaiaGate", o señor Agís Balboa protagonizou unha situación que non se vivía no concello dende principios dos anos 90. O "cuatrimonio" resultou rematar en "trimonio", e Roberto presentou o divorcio ante o rexedor Gonzalo Pita, o alcalde 007, que sempre sae para a foto, pero pouco máis. Semella que non se entendían alá moi ben. Así e todo, o soño progresista que adebecía as noites de SXX Pode, rematou en pesadelo, quedou sen representación no Goberno local e nin sequera está na oposición. A resaca das mareas botou á formación podemita pola porta de atrás. E agora Sanxenxo pode permitirse o luxo de ter un tripartito e dúas oposicións, unha de dereitas e outra de centro-esquerda, que representa as ideas políticas, non xa dunha formación, senón dun propio individuo. Roberto aforra así pelexas internas, a menos que sexa dos que discuten fronte ó espello con eles mesmos, que tamén os hai, abofé que si.

O tetrapartito prometía progresismo, pero quedou no intento.
Pero, ónde están os cambios progresistas para Sanxenxo? Os ventos novos de xuño de 2015 quedaron en lixera brisa no 2016, pero unha brisa como a destes días, uns aires que case nin refrescan, coma unha bafarada de aire quente na cara. Non se ve nova política por ningures, nin se intúe. Iso sí, o PP de Telmo Martín, agora no "banquillo", reméxese todo canto pode, porque de mala gana está na oposición. Para os que non o coñezan, Martín é home de acción, e ser reservista non lle "mola" nada de nada. Calma, señor Telmo, que sen esforrzo ningún voltará á poltrona cando o tripartito caia de maduro, alá polo 2019.
Nin aires renovados nin nova política. Só improvisación e postureo, ou postureo e improvisación. Os problemas dos veciños seguen no lugar de sempre, que a saber qué lugar será ese... Aínda que soe música diferente, os nosos políticos continúan bailando o mesmo baile (tamén é aplicable á política nacional, pero é tal o esperpento ó que estamos xa habituados que é mellor ou calar ou reservarse para outro post).

No tocante á miña parroquia, imos ver... Ademáis da polémica polo retraso da colocación da feira do paseo de Baltar, a escasa actividade lúdica e cultural en Portonovo, e os problemas de estacionamento habituais, hai que engadir o abandono dos camiños do rural, moi transitados nos meses de verán.  A ausencia de medidas na rúa Río Valiejos, que continúa, e seguirá, sen beirarrúas nin puntos de luz. A estrada EP-9206, coñecida como estrada de Adina, segue sen sinais indicativas, para desorientación dos turistas, e con escasa seguridade viaria, aínda sendo un vial que da entrada a Portonovo dende a VG 4.1, e que serve de aliviadeiro do tráfico que sae da vila durante os meses de xullo e agosto. Os ríos Fabaíños e Baltar seguen abandonados á súa sorte, e cada ano que pasa, alónxase a esperanza de un día ver realizada unha senda fluvial que abra o regato ós veciños, tanto de Portonovo como dos núcleos da súa ribeira, podendo chegar ter o potencial de unir os tres núcleos vertebradores da parroquia, como son a vila mariñeira, Arra e Adina. A xullo de 2016 podemos decir que o "BIO Fabaíños" está na UCI. A parroquia segue carecendo dun entramado de rutas de sendeirismo, pese a ter o potencial máis que necesario para realizala, aínda máis agora, xa que a Ruta do Padre Sarmiento, que entra na parroquia polo Vicaño e sae en Montalvo, ofrécenos visibilidade e pode ser punto de partida para varias rutas que comuniquen a costa co interior da freguesía. Habería que estudialo
. Por outra banda, o clube de piragüísmo, desesperanzado, ve como o soño que leva anos perseguindo, o de ter unhas instalacións decentes para a práctica deste deporte náutico, estase a esvaecer, ante a pasividade de quen nos goberna.

Pero sexamos positivos. Seguro que hai outras cousas boas. Aínda que tarde, o párking do Seame, estará listo para as festas de San Roque.  Por qué non puideron telo feito antes e téñeno que andar a arranxar en pleno xullo? 
Pois, a política e os seus misterios...



Comentarios

Entradas populares