Alcalde de barrio
Hai uns días e de maneira fortuíta volvín a oír falar dos chamados na época da ditadura de Franco "alcaldes de barrio". Esta figura de, pódese dicir de autoridade, aínda que en realidade a definición máis axeitada sexa a de representante veciñal ante as autoridades locais dun municipio foi moi representativa dunha época pasada, que aínda que non moi lonxana no tempo e que a día de hoxe pode resultar a primeira vista caciquil e anacrónica, aínda que en moitas vilas e cidades españolas se resiste a desaparecer.
Polo tanto esta case que pasa desapercibida na organización administrativa de Galicia e na maioría dos casos está aglutinada nunha entidade máis ampla como as asociacións veciñais, que ás veces se volven tan heteroxeneas que tenden á homoxeneización case sempre dende arriba cara abaixo. Non quería, nin é o tema que ocupa, neste post facer crítica das asociacións de carácter veciñal, que si ás veces poden facer moito ben, en cambio noutras ocasións confunden as prioridades dos veciños con outros menesteres máis ideoloxizados.
Pero ben, volvendo á alcaldía de barrio o seu nomeamento e as súas funcións varían dunha comunidade autónoma a outra. Durante o Réxime era o alcalde quen nomeaba ou destituía a estas persoas segundo criterios persoais e afinidades, perpetuando así un sistema de construcción social ancorado no caciquismo, que por outra banda é o "buque insigina" de toda boa praxe política (isto último lédeo con retranca). Hoxe, na maioría dos casos os alcaldes de barrio son elexidos polos veciños da maneira máis democrática e asamblearia posible e teñen un mandato limitado no tempo, podendo ser escollidos de novo cando este venza.
En Asturias e noutras comunidades estanse replantexando eliminar o cargo de alcalde de barrio e as súas razóns terán para facelo se así o consideran. ¿Será por causa dos recortes no presuposto municipal? Ben, descoñezo se reciben retribución algunha polo cargo, mais dubido moito que se gaste un só céntimo das arcas públicas para un cargo que debería ser altruísta. O sorprendente é que alguén queira ostentar o cargo sabendo que hoxe ninguén fai nada a cambio de nada. E digo eu, ¿non chega con saber que se está facendo un ben ó barrio e ós veciños? Isto xa entra na segunda parte do post.
![]() |
| As asembleas son a maior festa da democracia local |
¿Podemos? E poderemos.
Podemos polo menos replantexar de novo o de resucitar no noso concello as figuras de "alcalde de barrio" pero remasterizado para que encaixe nunha hipotética reforma da administración local (aínda que se promova desde a admón local a política e as ideoloxías non deben entrar nunca en xogo neste asunto) pode parecer a priori complicado, mais a labor do Concello neste caso sería a de facilitar as ferramentas para que fose posible.
O primeiro paso sería catalogar e ubicar nun mapa local as diferentes asociacións de veciños existentes no municipio e, nese mesmo mapa sinalar os barrios e aldeas existentes, núcleos de polo menos 50 ou 100 veciños, dependendo da dispersión do hábitat a extensión do radio de acción pode ser maior ou menor podendo incluso fusionarse dous núcleos próximos, se así o consideran os veciños. Polo tanto, unha vez formados os "barrios" e aprobados polos veciños e ratificados pola xunta de goberno municipal comezaría a presentación de candidatos de cada barrio.
![]() |
| Organigrama das asambleas veciñais. Clic para ampliar. |
Tralas eleccións en cada núcleo o paso seguinte sería o de formar a asemblea veciñal xeral, que pode ser unha por parroquia aínda que tamén cabe a posibilidade de que sexan máis de unha, dependendo do número de habitantes, da evolución histórica de cada unha delas ou dos seus núcleos de poboación. Estas asembleas veciñais xerais virían sendo o que hoxe chamamos asociacións de veciños, pero coa diferencia de que estarían formadas por cada un dos alcaldes de barrio elexidos suscritos a ela xunto cos veciños-socios que queiran sumarse e asistir ás asembleas xerais, aínda que os veciños non socios tamén poden asistir a ditas asembleas si o desexan. Sería recomendable que ningún dos alcaldes de barrio forme parte da Xunta Directiva da asemblea, aínda que sí do comité veciñal, que sí estaría formado por eles.
Así só quedarían os últimos pasos a realizar. As diferentes asembleas veciñais do municipio si o desexan poderían ter asembleas comúns, alomenos dúas veces ó ano, que xuntasen ós presidentes de cada unha delas para poder falar do estado dos diferentes lugares ós que representan, cooperar nalgúns aspectos e poder así tomar medidas, mandar escritos ó alcalde ou alcaldesa de turno e desta maneira exercer un verdadeiro contrapoder veciñal e unha revisión continua da política local, procurando na medida do posible estar libre de calquera ideoloxía política e usar o senso común e a solidaridade por enriba de todo, e por suposto SEN REMUNERACIÓN ECONÓMICA.
A figura dos alcaldes de barrio sería desta maneira CRUCIAL neste proxecto, xa que é o mellor vehículo entre o veciño e as súas reivindicacións cívicas sempre dentro do marco de convivencia e da xurisdicción que corresponda a cada cargo. Por outro lado poderíase cambiar a nomenclatura do cargo pasandose a denominar "cabeza de barrio" ou "representante veciñal de barrio".
A esta organización fáltalle sumar a boa fe das persoas e a responsabilidade veciñal, aínda que tamén a mentalidade centroeuropea e noreuropea de organización social e cívica, da que nos atopamos a distancias abisais polo de agora.
En épocas revoltas politicamente como na que estamos na que todo pasa polo filtro da ideoloxía e se pintan cores e redondeles, ónde as persoas xa non significan se non se significan e se monopoliza o discurso do "ou comigo ou contra min" un pouco da medicina de Tomás Moro non ven nada mal para baixar esta febre tolémica terceiro milenaria e posmodernista na que nos atopamos, ou o "eterno retorno". Non simplifiquemos a democracia a meros partidos políticos e a eleccións, non sexamos burdos, é algo máis, é o benestar do pobo, da res publica, da cousa de todos.
Vivamola cada día nas nosas vidas e eduquemos ás xeracións que veñen nesta idea.
Como dicía Ortega y Gasset "¡No es esto, no es esto!".



Comentarios