Xa vai alá un ano
Estoume dando conta de que estes días cercanos ó 14 de decembro son para min especiais. Desde hai unha semana máis ou menos vía cómo unha data se ía aproximando no calendario con sixilo, case sen facer ruido ningún. De novo vellos recordos comezan a saír a flote no meu inconsciente. Sensacións de reencontro e de cambio.
Hai xusto doce meses escribía aquí, neste blog, unha carta de despedida triste, un pouco amarga, pero sempre cunha miga de retranca. É certo que poucas veces se me da por escribir un texto así de sincero e fluído, casi sen autocensura nin reflexión previa. Só unha páxina en branco e todo o meu pensamento de aquel intre, o que eu sentía, o que o meu pensamento e a miña memoria volcaron durante aqueles días tan estraños e melancólicos. Nunca antes sentira así a morte dunha persoa como aquel 14 de decembro de 2013. Dalgunha maneira tiña a certeza de que algunha parte de min mesmo morría tamén, que algo remataba. Era a fin, a fin de moitas cousas e a partir de aquela comezaría un tempo novo, un punto e aparte.
Durante este tempo pregunteime infinidade de veces cómo de diferente sería a miña vida se hai oito ou nove anos nunca me involucrara no seu proxecto, na súa andaina. Había alternativas, non? De feito durante ese tempo a piques estiven de olvidarme do tema e dedicarme a outras cousas, pero sinxelamente non puiden, por estrañas circunstancias ó final sempre o arreglabamos, os dous cediamos. Él sabía que eu máis tarde ou máis cedo tería outras prioridades.
Xa vai alá un ano, pero aínda me lembro como si fose hai unha hora dos seus últimos meses. Mais non quero recordalo así, non sería xusto nin correcto. Hoxe o meu corazón e o meu pensamento están en Dimo, con él, coa súa irmá e co resto da súa familia na igrexa da súa parroquia natal. Eu non estou alí con eles aínda que unha parte de min si que o está, de algunha forma. Non era parente meu pero sempre terá un reservado nas miñas peticións e no meu recordo, ó lado doutras persoas que pasaron pola miña vida deixando unha fonda pegada.
Quizais o meu futuro non vai ser o que él quería para min, ou quizais si, quén sabe, iso aínda está por escribir. Do que sí estou no certo é de que do ano 2013 en diante os 14 de decembro van a ser días para o seu recordo. Un día do ano que se prestará para comezar a contar historias e acontecidos dunha época da miña vida.
Agora toca vivir unha etapa nova.
Penso que xa é o momento. Algún día tiña que ser e ninguén é imprescindible. Todo muda.
Un cambio de ciclo que estará pechado de todo cando remate a carreira. Aí sentirei que outra cousa vai a comezar a partir de agora.
Lonxe ou preto das badaladas das campás que anuncian os sinos da vida e da morte.
O alto da torre de pedra á que subín tantas veces e que tantas vivencias me trae.
Hoxe non cabe a dúbida. Xa cumprín. A transición rematou.
Un cacho de min morreu alí tamén aquel día.


Comentarios