Adina festexa o San Antonio Abade.


OS VECIÑOS GOZARON DEGUSTANDO  A ORELLA DO PORCO EN PREVE

A nosa parroquia estivo de celebracións este fin de semana e un ano máis ó chegares o penúltimo fin de semana de Xaneiro as festas na honra ó santo do porquiño dan comezo para deleite de veciños e non veciños. A programación comezou o venres día 21 cunha degustación de mexillóns gratuíta para os asistentes, ó día seguinte alboradas de mañanciña e misa solemne á 1 da tarde cantada pola coral Santa María Adina de Portonovo e á continuación seguida da procesión polo novo percorrido facilitado polo concello atravesando a "terra do cura" e evitando así a empinada costa. Ó remate da misa tivo lugar a tradicional subasta de cacheiras e outros bechos no adro, amenizada por Darío, e a tirada de fogos. Xa pola noite no campo das festas éralle o turno da gran verbena ofrecida pola orquestra" Passarela" de Vigo e o conxunto local "Arena". Para mitigar o frío a carpa contaba con catro grandes estufas de gasóleo ademáis da chocolatada con rosca servida ós asistentes en torno á medianoite que fixo as delicias de todos e todas. Para rematar estos tres días de festas en Adina, o Domingo 23 celebrouse un ano máis a festa degustación da orella de porco unha vez rematada a misa , cuns prezos que oscilaban entre uns cinco euros a orella e seis a tapa de pulpo, que incluía tamén o pan, podendo levar para a casa o pratiño de madeira gravado de recordo, todo isto amenizado por unha charanga e unha boa conversa entre veciños, eso sí, non coa boca chea. Xa pola tardiña houbo bailes galegos ofrecidos por " Asociación Cultural Penaguda " de Dena e por " Savia Nova Os Terribles" e o clásico das festas adinesas, os bailes de salón interpretados por "Os Auténticos de Adina". Isto para os maiores, para os máis pequenos houbo hinchables gratuítos durante toda a tarde, cortesía da comisión de festas. Xa como colofón a unha fin de semana de voráxine festeira, pola noite tivo lugar o concerto de "Añoranzas" o " A Roda" local, que versionou temas coñecidos do folk galego e américano dos anos 60 e 70 e deseguido a orquestra "Hiroshima" deu por finalizadas as festas de San Antonio deste ano 2011. (Foto do "Faro de Vigo" 24-01-11)
Dende este blog a noraboa á comisión de festas pola encomiable labor levada a cabo da maneira máis desinteresada posible para conseguir que veciños e estraños desfruten un ano máis das SÚAS festas, logrando que cada ano Adina logre competir con outras parroquias como Bordóns e consolidando o mes de xaneiro como o mes de San Antonio e outubro como o mes de San Miguel e Nosa Señora do Rosario. As xeracións futuras tomamos exemplo e recollemos o testigo para que estes actos non se perdan na noite dos tempos. Que o "aldeanismo" non morra endexamais.

Comentarios

Entradas populares