As fortes choivas caídas causan desperfectos na contorna.



O RÍO FABAÍÑOS DESBÓRDASE Ó SEU PASO POR BARBEITO.
As fortes choivas caídas estes días anegaron as terras da ribeira.

D.Leiro.As intensas precipitacións rexistradas na madrugada e mañá do 6 de Xaneiro provocaron numerosas incidencias en todo o concello, sobre todo regatos e sumidoiros desbordados e pequenos asulagamentos en estradas. En Barbeito a enchente do Fabaíños anegou as leiras da súa beira ó verse o seu caudal insuficiente ante tal cantidade de auga que soportaba así como a que recibe dos regatos afluentes. Esta situación do río agravouse no tramo que discorre entre a ponte de Barbeito e a súa canalización, debido fundamentalmente á asfixia do cauce provocada por construccións á súa beira o que fixo que a auga se desviara a unha finca colindante na que apareceu un socavón, rematando por ceder o muro de contención que sostén o terreo, perdéndose parte dunha plantación de hortalizas. Pola outra banda do río a enchente e a forza da auga agretou un muro de bloques que está pegado ó cauce e que corre risco de derrubamento. Segundo afirman os veciños da zona sinalan como responsable ó concello por non acondicionar ben o leito do río nin as súas marxes como debería cando se realizaron as obras do lavadoiro alí existente. As choivas tamén inundaron a fonte de Barbeito deixandoa inutilizable, asulagaron unha finca situada enfronte do colexio Abrente e inundaron garaxes no lugar do Pombal. Esta situación é unha proba máis de que os ríos están vivos e precisan de espacio para desenvolverse e polo tanto non se pode seguir ignorando estes ecosistemas, tanto por parte do goberno local como de asociacións veciñais. Recórdolle ós nosos lectores que na parroquia existen dous ríos importantes como son o Río Fabaíños e o Río de Baltar.

Comentarios

Entradas populares