San Xoan 2012

 Outro ano máis a noite de San Xoan chega ó Pombal cargado de festa, de música e de fume e de moita moita diversión. Desta volta preto de 20 comensais déronse cita na casa Manolo-Amalia, ansiados e ansiosos por ver a Amalia enfornar e por come-lo pan con chocolate, mundialmente coñecido como "pan de AmaliA". Pero isto só sería o aperitivo a unha noite cárnica e futbolística, xa que as sardiñas estiveron a un prezo prohibitivo  estos días pasados, con todo ninguén as botou en falta. Contra as 11 da noite e co bandullo cheo de pan chocolateado comezou a inxesta da parrillada que os nosos expertos chefs asadeiros cociñaran con brasas lentas. Criollos, picantóns, chourizos, panceta e tiras de costilla bailaban na grella.
Un a un fóronse caíndo rendidos e fartos mentras que aínda había carne nas bandexas. Entre trabada e trabada íase mollando a palleta con Albariño ou tinto (para gustos) pero sempre viño do País. Logo chegarían os deliciosos postres caseiros preparados con mimo e do gusto dos presentes, xa que triunfaron rotundamente, sobre todo a torta de piña e a torta de Santiago caseira, bocato di cardinale.













Logo chegou o turno de prender a fogueira, que costou o seu traballo, pero con tino prendeu deseguido e en poucos minutos unha lapa inmensa cubría o ceo nocturno, dando calor e luz a unha noite máxica. Pero faltaba algo pois esquecérase de traer o sal e rapidamente foise buscar. Ó grito de "meigas fóra" un a un fomos espantando o meigallo, sempre botando o sal de cú ó lume. Logo chegou o turno da queimadiña rica feita polos mestres de cerimonias, con lectura de conxuro incluída. O  fin de festa chegou cargado de boa música agardando que o ano que vén volvamos pasar o San Juan con tan boa compañía, coma sempre aquí, no Pombal.

Comentarios

Entradas populares