Entre vendimas e esfolladas.
Hola a todos, meus queridos lectores; estamos de volta despois de que o verán dese paso ó outono e o sol do estío madurase os froitos da colleita, porque en setembro aínda arden os montes e secan as fontes. E por desgracia aquí queiman os montes, por iso arden, que se non os queimaran abofé que non ardían (tantos).E así como quen non quere a cousa novembro, o mes de santos e defuntos xa invadiu os nosos corpos. E como cada ano o 1º de santos é costume antiga recordar ós nosos difuntos e é por iso que se enchen os cemiterios de xente e por unha vez no ano a parroquia dos vivos e a parroquia dos defuntos xúntanse e comparte rezos e pregarias e charlas amenas cos veciños.

Son datas para comer unhas castañas asadas cos amigos, abrir o viño novo e ir pensando na matanza deses porcos que se cebaron durante todo o ano, o 11 de novembro é o San Martiño, e toca pasar coitelo.
Estas datas marcan a fin da colleita e das labores fortes do agro, que descansarán ata que comece a poda das viñas e o aboado e fertilización das terras.


A TRADICIÓN DO MAGOSTO
O magosto é unha festa de orixe pagá, que logo foi
cristianizada e, como tódalas festas de
carácter agrario, pode situarse na Prehistoria,
cando o ser humano vai adquirindo consciencia
individual e social.
É unha festividade relacionada co culto á fecundidade;
de aí a súa relación directa co lume,
representando ao sol, deus fecundador da terra.
Trátase tamén dunha comida comunitaria e ritual, que reforza os vencellos comunitarios do
mundo rural galego; ten carácter alegre e de acción de grazas polos froitos recolleitos, así coma
de homenaxe ós castiñeiros e as castañas.
Con posterioridade foi asociada aos santos e defuntos, por iso se festexa o 1 de novembro, por
ser unha comida que simboliza a morte do ciclo solar anual. Máis tarde, nas terras de Ourense
pasou a celebrarse o 11 de novembro, festividade de San Martiño de Tours, padroeiro da cidade
de Ourense, ou máis preto, en vilas como O Grove ou Meis tamén honran ó santo francés. 
Estas tradicións están moi presentes no refraneiro popular galego e nas coplas, así como os labores do mar e da terra;
- Polo San Martiño proba o teu viño e mata o teu porquiño.
-Non chas quero castañas do teu magosto, non chas quero que me cheiran ó chamosco.
-Antes de san Martiño, pan e viño; despois de san Martiño, fame e frío.
-Cando Santos acaba, o inverno empeza.
-Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
-De Santos a Nadal, inverno natural.
-Por Santa Catalina salga a túa sardiña.

Comentarios