QUE (IM)PUTADA TAN GRANDE
Permitídeme, meus queridos lectores, que entre tanto bombazo informativo a tenor de certas imputacións moi discutidas e sobre as que correrán ríos de tinta nos xornais de todo o país eu me centre hoxe noutra noticia de actualidade local que sacudeu as xornadas previas ó día de autos.
GABINETE DE EXPERTOS
O 21 do corrente o Concello aprovou a ampliación do rueiro e a oficialización dalgúns nomes presentes no imaxinario cidadán pero aínda non recoñecidos. Un gabinete de expertos fixeran un informe sobre a correcta denominación baseándose nalgúns criterios, non sei se aleatorios ou triviaís, para dar co nome máis acertado. Esta mesma comisión abrira unha consulta popular para que asociacións locais transmitiran o seu parecer sobre os nomes máis adecuados ou os que eles cresen que por xustiza histórica deberían ter. Desa misma maneira ampliouse a consulta á cidadanía.
Ata aí todo correcto. O "problema" chegou o mesmo día 21 cando se souberon os nomes escollidos. Xa sen meterse en demáis parroquias, que eles saberán se lles gustaron ou non, na parroquia de Adina foron escollidos con máis ou menos acerto os nomes para algunhas rúas de nova apertura e para outras xa existentes pero que carecían de nome.
Con curiosidade e impaciencia fun lendo pouco a pouco a nova, que por azar compartira unha amiga do facebook, era do Diario de Arousa e daba conta da nota de prensa que o concello publicara na súa páxina web. Tamén noutros medios se facían eco, no Faro de Vigo e no Diario de Pontevedra.
A TEIMA DO VALIEJOS.
Parándome no que atinxe a Portonovo a nota comeza co nomeamento das rúas dos PEI 2 e 3 sitos en Canelas. Todo en orde. Pero máis adiante a confusión chega nas inmediacións da rotonda de Portonovo, "rúas do río" por doquier, eu aínda sendo de aqui non puiden situarme nin co Google Maps. A apoteose da tolemia chegou cando puiden ler " la calle abierta desde la carretera de A Lanzada al vial de Adina que se llamará del Río Valiejos". Cos ollos como pratos e tras unha consulta ó meu pai que pasou anos da súa nenez xogando e levando o gando á carballeira (hoxe inexistente) que é atravesada por devandita rúa reaccionei de inmediato. Dedícanlle unha rúa a un regato defunto como se lle dedica ós persoeiros ilustres. O río Valiejos non existe, matárono entre todos e queren salvar a súa memoria pagándoas coa variante da estrada de Adina que conflúe coa rúa de Barbeito (o tramo antigo) e que é a vía de acceso máis directa ó Pombal vindo dende Baltar. Outras denominacións fanlle máis xustiza, como por exemplo "rúa Carballeira" ou "pinal do cura" e se me apuran "avenida do Pombal".
Xa sei que a asociación de veciños "San Cristóbal" loitou moitos anos pola causa de salvar mencionado río cando este xa estaba visto para sentencia. É a guinda que lle falta ó pastel. Portonovo, esa vila que condenou os seus ríos ó ostracismo perpetuo, e que visto o progreso e a expansión urbanística decidiu souterrar o Fabaíños e o Baltar (e tamén o Valiejos) coma quen non quere a cousa, a risco de que a entrada da vila se convertise nun viveiro de ratas de tal tamaño que asusten ó gato máis valente.
Os males urbanísticos do pasado pasan factura e como as pantasmas dos nadales pasados volven para atormentarnos de cando en vez.
RÍOS QUE XA NON SON RÍOS.
A Portonovo pouco lle importan os regatos que vertebran a parroquia e que regan as hortas onde medran as verduras que mercan na praza de abastos. As ribeiras do Fabaíños (un dos regatos máis longos do municipio) están deixadas da man de Deus, e os seus ecosistemas de ribeira totalmente desprotexidos. Calquera pode ir e cortar os salgueiros e amieiros que lle pete porque se cree dono deles polo feito de que as súas propiedades linden con eles. As marxes dos regatos deberían pertencer a tódolos veciños, así como todo o que alí medre ou se alimente. E no río de Baltar tres cuartos do mesmo.
Son patrimonio natural, son o noso patrimonio. Levan séculos surcando a nosa parroquia e non fan máis que ser agredidos por xente ingrata e pouco xenerosa da terra que herdou dos seus antigos. Portonovo deulles a espalda o día que os souterrou e se enganou a sí mesmo. E agora veñen os choros polo Valiejos, un dos moitos regatos que viñan da carballeira e que conformaban un espacio natural que segundo contan os nacidos antes dos anos setenta debeu ser impresionante. Todo un verxel que ocupaba dende o mesmo Portonovo ate o fondo de Rial, xusto por debaixo do Pombal. Un bosque atlántico dos que hoxe case non hai. Non nos enganemos, non vos enganedes, o Valiejos é un recordo, e a carballeira tamén. Nomear á "avenida do Pombal" con nomes como "Valiejos" ou "carballeira" non deixa de ser unha idea romántica. Unha idea por recuperar algo que xa non hai, e refrescar a memoria dun crime perpetrado contra a mesma natureza da que todos somos conscientes. Do Espiñeiro só lle queda o nome. De lugares como A Ponte ou A Boca do Río ídem. Non quero convencer a ninguén pero espero que a asociación de veciños de Portonovo recapacite no aquí arriba escrito e por un segundo pense se ó final conseguiu aquelo polo que loitaba ou se condenou a memoria para sempre.
"SAN MIGUEL" E POLEIROS
Dito isto só queda comentar o caso das denominacións das rúas en Adina "la calle y entorno de la Casa de Cultura de Adina, que pasará a ser calle y plaza San Miguel. Por último, la pista que va desde la carretera de Adina hasta la de Iglesia a Rial por detrás del cementerio se llamará calle Poleiros"
Unha alegría entre tanta desidia; por fin Poleiros aparecerá no mapa, por fin evitarei as caras raras dalgúns cando digo que o meu pai ten unha terra en dito lugar, sobre todo entre a xente nova. A ver que cara se lles queda cando saiban que o cemiterio está en Poleiros, ó igual que o Portotenis. Tamén é certo que para os endémicos de Portonovo todo o que non é a súa vila é Adina, ou Arra e pouco lles importa si vives no Pombal, en Fabal, ou en Poleiros.
O ESCRITOR, PERSOEIRO "NON GRATO"
E para rematar a rúa e a praza de San Miguel, ou sexa, o vial que abriron cando fixeron o parque de Adina e a Cultural, que comunica a estrada de Adina con Poleiros. Que pouca imaxinación para o nome, e todo despois da loita que levou a asociación de veciños de Adina pola causa de Ramón de Valenzuela, que caeu en saco roto. Nin o edificio da casa da culura, nin as praza adxacente nin a rúa levarán ese nome. Só un nicho esqencido e unha rúa de Portonovo serán a honra para o escritor e galeguista nacido en Bandeira (Silleda). Se queres coñecer máis sobre Valenzuela preme aquí.
ATE O PAI DE SANTA CATALINA SE CABREA.
Vou a ir concluíndo porque foi unha fin de semana de indignacións e de toma de consciencia de cómo é o lugar de ónde son, ónde nacín e me criei e aínda que estes últimos anos os pasei algo lonxe non a esquezo.
Do escándalo de Santa Catalina mellor non digo nada, porque causa tal vergoña que os máis maiores da vila prefiren calar por non falar. Outra cousa que o pobo de Portonovo está condenando ó ostracismo máis vil tendo unha confraría máis preocupada de facer política que de manter as súas tradicións, e que como fixeron os de "San Cristóbal" co Valiejos redimiuse do mesmo xeito, cunha lembranza simbolizada nun ramo de flores. Foi todo o que se soubo deles aquela mañán.



Comentarios