Cambio no 16
O pasado domingo, día 17 de xaneiro, de maneira incosciente pero premeditada, iniciei a terceira etapa deste blog que bauticei hai oito anos co nome de Pombal City, en alusión ó barrio no que vivo, e que deixei momentaneamente a finais de 2010 para marchar estudar a Santiago. Unha vez de volta, un dase conta que hai cousas que xa non soan nin semellan igual que antes. A sensación é estraña, quizais porque se perdeu parte da humanidade que se respiraba cando un era neno. Se ben é certo que os tempos cambian, pero o mellor é que as lembranzas van sempre na equipaxe, e cada rincón, cada lugar, fai rememorar ducias de anécdotas da infancia e dos primeiros anos da adolescencia. Nestes tempos cada un vai máis ó seu, e semella que xa non nos coñecemos entre nós. En fin, agardo que nesta volta ó universo blogger, que tinxirei cun toque máis intimista ca de costume, consiga que alomenos compartades comigo a vosa visión crítica e analítica das últimas novas de carácter local, mais sempre con un pouco de retranca.
Aínda que os blogueiros xa imos quedando un pouco trasnoitados, eu como amante dos soportes dos que moitos chaman "obsoletos", seguirei dando guerra por aquí e pola radio universitaria de Santiago de Compostela.
Na primeira entrada, publicada tamén o domingo, mencionei o cambio de goberno local. En efecto, o noso benquerido cuatripartito. Podo dicir que se agora nos medios de carácter estatal se fala de "segunda transición", tralas eleccións de decembro, en Sanxenxo xa se viviu hai pouco máis de medio ano. O mes de xuño de 2015 foi, para moitos sanxenxinos e sanxenxinas, a apoteose política. Non se lembraba cousa igual dende os tempos da nosa veciña Dora Alarcón, todo un animal político da vella escola. Agora tomoulle o relevo a súa filla Dori, que pouco lle falta para ser a lideresa de Sanxenxo Pode, a pesares de que hai unhas semanas quería marchar da formación morada.
Sanxenxo, como sigas así "no te va a conocer ni la madre que te parió".
Onde quedaron os tempos de expansión e bonanza económica nos que o PP se xactaba de sacar ó concello da pobreza e o atraso de tantos anos de goberno socialista de Jose Luis Rodríguez? "Váyase señor Puma" que non dixo Telmo, aló polo 1999, aínda que seguro que o pensou. Se Marbella tiña a Gil y Gil e a Maite Zaldívar, Sanxenxo tiña a Telmo Martín e a Catalina González, aínda que nas Rías Baixas eramos máis discretos, en moitos sentidos, afortunadamente. Os 2000 foron os anos das grandes obras, públicas e privadas, claro que sen obra privada a ver de ónde se ía sacar para o outro... Eran os anos do aznarismo, e como "España va bien" aquí paz e despois gloria. Máis ben, aquí paz e despois crise.
É certo que o boom do ladrillo foi moi bonito. Foron "días de vino y rosas", para moitos. Pero non hai rosa sen espiña, nin tampouco sardiña. Daqueles anos foron as obras faraónicas máis importantes do municipio, comezando polo porto deportivo de Sanxenxo, que case remata coa praia de Silgar, que estivo na UCI; tamén a piscina municipal e o ximnasio, inaugurados no 2003, e o centro de día. No 2003 foi tamén cando arranxaron a estrada de Adina. Nesa década podíanse ver, entre Sanxenxo e Portonovo máis de dez ou doce grúas de obra. Neses anos levantouse o túnel da Perla, as urbanizacións de Canelas, o polémico "Parchís", o Maracaibo, o edificio Alameda... e isto só en Portonovo, xa non menciono a vila capitalina. Os ecos do ladrillazo tamén chegaron ó Pombal, aínda que non petou coa forza esperada. As promocións urbanísticas aquí chegaron co declive, durante os anos pre-crise. As únicas obras que saíron adiante foron as de Residencial Pombal e a das Toxeiras. Como saberedes, o solar de Adinamar foi víctima da burbulla, e o que ata hai quince anos era un pinal fermoso e cheo de vida hoxe é un burato que cría bechos e vexetación, un cráter rodeado de valados metálicos, un cadáver da crise económica, da fin do soño. Un soño do que moitos espertaron cando as cousas comezaron a virarse de cu. Foron os anos de declive do goberno popular de Sanxenxo. A Telmo tocoulle a carne, e a Catalina os ósos. Visto está que a can fraco todo son pulgas. O último cartucho do PP foi a compra da punta do Vicaño, ou o que quedou dela, vaia. Do 2011 ó 2015 a lexislatura pasou sen pena nin gloria. O ano pasado Telmo Martín soprendeu a uns poucos dicindo que voltaba á política sanxenxina e moitos creron que voltariamos a almorzar con diamantes, pero nada máis lonxe da realidade, o PP quedou ás portas da maioría. E daqueles barros estos lodos.
Agora, iso sí, a ilusión polo cambio político non nola quita ninguén. Quizáis porque para moitos a ilusión é só cousa de ilusos. E de algo haberá que vivir, digo eu.

Comentarios