La vida sigue igual

Logo de once meses sen actualizar este espazo de crítica, propostas, información e opinión do concello de Sanxenxo moito choveu desde aquel febreiro de 2015. Por unha banda, hai uns días o blog cumpría nada menos que oito anos de existencia. Dende aquel lonxano 2008 ata hoxe, xa comezado o ano 2016, as perspectivas de mellora eran moitas, mais a realidade dinos que as cousas, lonxe de mudar para mellor continúan do mesmo xeito ou mesmo peor. E non se albisca ningún cambio no horizonte.

O espírito de crítica co que Pombal City naceu hai xa oito anos continúa aínda vivo, e o blog que nacía coa ilusión dun estudante de secundaria que soñaba con ser algún día un bo xornalista que lograra, como un verdadeiro contrapoder, mostrar ós políticos locais e ós dirixentes veciñais o potencial da parroquia de Adina e do coidado non só da nosa costa, que é un verdadeiro tesouro, senón tamén do noso rural, cun potencial etnográfico, cultural e paisaxístico que podería supor unha alternativa viable ó turismo de masas. Daquela, no 2008, aquí xa se denunciaba o que hoxe se chama "canibalismo urbanístico", tamén chamado feísmo, e que tanto abunda pola extensa xeografí
a do noso concello. Tamén a existencia de verquidos de orixe doméstica e industrial nos nosos regatos e montes, o continuo maltrato e desprezo polo noso medio ambiente e os nosos ecosistemas que a corporación municipal condena ó ostracismo. Agardemos que de hoxe en oito anos máis a mesma forza e o mesmo espírito continúen alentando esta bitácora.

O ano 2015 foi un ano de cambios, pois foi ano de eleccións municipais. En Sanxenxo, como en outros moitos concellos, a forza das novas formacións políticas, denominadas emerxentes, impediu en moitos casos a revalidación das alcaldías do PP. No caso do noso concello produciuse un pacto que moitos poden considerar anti-natura pero que a priori foi útil para desbancar dezaseis anos de goberno hexemónico do PP de Telmo Martín primeiro, e da súa "delfina" Catalina González despois.
Gonzalo Pita, cabeza de lista de Sanxenxo Agrupación Liberal, logrou o acordo co BNG de David Otero, co PSdG de Coral González-Haba, unha das acrtices revelación xunto con Roberto Carlos Agís, de Sanxenxo Pode, que tamén se sumou ó cuatripartito que goberna Sanxenxo dende xuño de 2015.

Novo goberno, novas ilusións e sobre todo, ansias de cambio de moitos veciños, que vían cómo a longa noite de pedra e ladrillo chegaba á súa fin.

Pero non, unha vez máis o esperado non sucedía. É que a realidade dí outra cousa. Máis de medio ano despois, novas caras pero vello sistema.
Tes razón paisano, la vida sigue igual.

Comentarios

Entradas populares