Editorial
Corren tempos difíciles para o xornalismo. A verdade é que nunca correron tempos fáciles, nin falta que fan. Quen se queira adicar a isto ten que saber que, salvando as comparacións, é necesario un ímpetu como o dun bo mariñeiro. Un bo xornalista, ou ó menos o que eu considero como bo, deberá enfrontarse contra vento e marea, capear temporais e loitar para chegar a porto cargado dos seus peixes, neste caso boas historias cargadas de verdade, cheas de razóns e valentía. Mais non sempre hai pesca, e un ten que volver a terra e reparar o aparello para volver largar. A boa praxe, nesta profesión coma noutras, pero máis no xornalismo, é o todo. Ben é certo que a obxectividade é un concepto semellante ó da liberdade, que din que remata onde comeza a do próximo. Deixando a un lado a suposta imparcialidade, da que moitos presumen e que, dito sexa de paso, ás veces non sae á conta, o mellor de ser xornalista, ademáis de contar historias, ó meu xuízo, é a de servir como mediador entre a cidadanía, entre o pobo, e as clases dirixentes.
Moitos dos que lexades estas liñas pensaredes a conto de qué vén tanta literatura sobre o xornalismo, se todos son iguais, e total as noticias, os xornais, a tele e a radio son unha merda que só conta mentiras, ou medias verdades manipuladas, e non vos falta razón. Por iso, agora máis que nunca, necesitamos xornalistas de rúa, e non super estrelas dos medios. Chega un momento na vida profesional, sexa ó comezo, no medio ou no final que un se pregunta: " e eu de qué lado estou?, estou ó servizo do poder ou estou coa miña xente"?. Ben é certo que axiña te respondes: "de momento, estou cos que me pagan", e con esta frase lapidaria enterras a túa dúbida ata que, quen sabe, algún día recuperes a ilusión polo xornalismo libre.
Eu seguirei defendendo as miñas ideas, que segundo puiden comprobar o pasado 20D, non teñen cabida en ningún partido político actual, polo menos español. O meu pensamento político é tan independiente que non ten oco nos pensamentos de masas. Mellor así, esa é a conclusión á que cheguei o 21D.
Con relación á pasada entrada do blog, a primeira do 2016, na que se vía reflexada a desidia polo inmovilismo do goberno local actual, aínda me falta expoñer o que non é novo neste blog e que levamos máis de oito anos defendendo. Para que non se faga a lectura moi pesada continuareino no seguinte, con máis detalle.

Comentarios